Musikaze.com

» Grupos » Tributo Zënzar » O Grupo

Rexístrate aquí
Tributo Zënzar

  • Localización:
  • Data de Formación: Xaneiro 2013
  • Estilo(s) Musical(is): Rock
  • Influenzas: Zënzar
BIOGRAFÍA

PRESENTACIÓN

No 2013 cúmprense 25 anos nos escenarios da banda cercedense Zënzar. Con este motivo, durante a celebración dos concertos de peche da sala Badulake de Ordes a finais de 2011, xestouse a idea de  facer un disco tributo con versións do grupo, á que se foron sumando unha chea de bandas do país. Baixo estricto segredo, correuse a voz entre os grupos coa intención de que os homenaxeados non tivesen coñecemento do proxecto ata a edición do traballo. O resultado foi a edición do disco VAI POLOS PADRIÑOS! TRIBUTO AOS 25 ANOS DE ZËNZAR, presentación oficial que se fará o 8 de marzo e na que ademais da banda homenaxeada, participarán Invivo e Machina, bandas tributarias presentes  no disco.

O DISCO

O disco inclúe versións de Machina, Deseqilibrio Mental, Invivo, Som do Galpom, Nao, Ruxe-Ruxe, Pito de Pikasso, Balbordo Público, Compañía do Ruído, MeDoMedÁ, Mr. Kamándula, Raiba, K-Raxe, Chícharo Psicótico, O Jallo Light, Os tres Trebóns e os homes sen medo, Dios Ke Te Crew e Secho e os Invisibles.

A produción executiva correu a cargo de Iago Pico, V. Neira e Mario César. Os temas foron gravados nos estudos Pousada Son de Ames, Mafia Records do Carballiño, Océano Estudio de Gondomar, na de Alfredo de Chaián-Trazo, Casa do Rock de Luou-Teo, na Casita en
Riveira, en Edisco da Estrada, no Rapapoulo Estudio de Ordes, nos Estudios Amil da Coruña e nunha Casa Calquera en Compostela, cun impecable deseño realizado por arinspunk.com.

O CONTACTO

Co fin de non coordinar aos grupos participantes, decidiuse crear unha conta de correo específica: tributozenzar@gmail.com. Agora queda aberta para a comunicación, con todos os que teñades calquera cuestión sobre o disco e información a medios de comunicación.

RESEÑA QUE ACOMPAÑA O DISCO

Pois así foi. Cos padriños comezou boa parte da historia e historias do que hoxe coñecemos coma rock galego. Se ben xa antes daqueles Mördor a fábrica cercedense comezara a ferver recén chegados os 80, facendo que outras bandas xerminasen á sombra da torre, serían aqueles Zënzar os que desbrozarían o cortalume, a partir do cal discorrerían moitas das bandas do país que xa pasaron á historia e doutras das que actualmente están a combater baixo aquela e outras nubes tóxicas. 

Por que Cerceda e por que Zënzar. En máis dunha década, algúns tivemos a sorte de coñecer ben esa terra, os seus grupos e a súa xente. Pasa con esas cousas que tes diante dos ollos durante anos e non acabas de ver, ata que un día chegas a entendelas afuciñando.

Tiña que ser así por moitos motivos, os mesmos polos que seguen a saír grupos e máis grupos dentro dese triángulo das Bermudas que conforman Carballo, Carral e Ordes, cuxo epicentro sísmico é Cerceda. Non imos desvelar ningún enigma porque de seguro, non somos quen de coñecelo realmente, máis aí o está, sabendo que hai que ir, ver e ficar para entender (andará nas Encrobas ou polo Xalo?).

Máis o país é grande. Si, pero de Cerceda para o mundo. O certo é que moitos dos que entendemos o rock en galego coma unha alternativa, valeunos de pulo a existencia destes tipos. Mentres algúns moitos que querían ser alguén que vai para algures nisto do mundo música (e non chegaron a segundo disco), baseaban a súa proposta na imaxe e en asimilar modelos foráneos ata o esperpento, alí estaba a banda do coche encarnado, coa súa pinta de chegar do curro e subir ao escenario, sen maiores pretencións que desfrutar facendo aquilo polo que realmente vale a pena estar metido nisto que chaman R’N’R.

O resto sobra. Falar da calidade dos seus discos, do achegamento das letras, das súas festas-directos, ou da cantidade de historias vividas polas vilas e cidades do país (toca desfasar, que tempos!) destes 5 magníficos, máis os camaradas que pasaron pola banda, sendo pezas fundamentais do que hoxe é Zënzar, non ten quizais moito sentido nesta humilde pero sentida homenaxe que as bandas aquí presentes, máis outras que por diferentes motivos non puideron estar, quixemos facer. Do que cómpre falar é da banda no presente e do que esiximos dela para o futuro. Que non crean que isto é un agradecemento. Máis ben trátase dun toque de atención para que non se despisten e dentro doutros 25 anos podamos sacar o segundo volume. Que así sexa amigos.

OS TEMAS

Debido ao límite de espazo do musikaze, non se poden subir todos os temas para o audio. Podes escoitar o disco completo en:

http://www.youtube.com/channel/UCFuREH2Yd6LbGf-G_Pjkzkw

 

Próximos concertos »

(non hai cocertos dispoñibles)


Twitter

Facebook